Vistas de página en total

sábado, 31 de octubre de 2009

O mar


A miña cor favorita é o azul, o azul mariño, a cor do mar. O ceo é azul tamén. Xúntanse e fan coma se fundisen as súas cores no horizonte, onde se difuminan ambos.

É unha ilusión, no horizonte parece que tocasen un co outro e se desleixasen entre eles. En realidade perdemos a perspectiva, a distancia é tan grande que xa non vemos nada, vemos un baleiro e semella que vemos algo branco. Non vemos nada ou máis ben vemos a nada que está alí, confundindo a nosa percepción. Prefiro o azul mariño, é a cor do mar, é profunda, coma o propio mar. O mar está na vista dun neno que o descobre desde un monte e goza máis da profundidade do mar que do espazo baleiro do ceo. É máis profundo, máis intenso e tamén máis interno.

Baixar ata o mar significa andar por unha corredoira, unha corredoira coma calquera outra, camiñas por un espazo co que xa estás familiarizado e do que te consideras parte. Cando chegas abaixo non está aínda o mar, están o río e a area, tes que camiñar pola area despois de cruzar o río, o mar aínda está algo lonxe, non tanto que leve demasiado tempo chegar a el, pero de pronto estás nun hábitat que si que te resulta estraño, coñécelo de sobra, pero non é como estar na terra, fáltache unha seguridade que si tes cando hai terra baixo os pés, dalgunha maneira sabes que non é o teu lugar natural.

Mentres camiñas entre o río e a area estás nun lugar que é grande abondo para sentir a liberdade que dan os espazos abertos, pero mentres non chegas os montes delimitan ese pequeno lugar polo que transitas, hai sitio para sentir liberdade de movementos, pero tamén percibes o recollemento dun lugar delimitado, no que a túa percepción dáche a seguridade de sentirte recollido e protexido. Sénteste coma no claustro materno, libre de movementos nun lugar onde tamén estás protexido e amparado. Non estás aínda nun espazo baleiro e infinito que che faga sentir perdido e inseguro.
No mar tampouco, a súa profundidade é tan intensa, tan perceptible desde fora que te transmite unha misteriosa intimidade, que lle pertence pero te invade, sénteste partícipe desa intimidade que non é a túa. Pero é maior ca ti e é capaz de absorberte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario