Vistas de página en total

viernes, 30 de octubre de 2009

Evocación


Cando empecei traballar tiven que marchar vivir a Madrid, alí foi a primeira vez que tiven que organizar completamente a miña vida. Necesitaba buscar un sitio para vivir, organizar as miñas compras, tomar decisións sobre cousas que necesitaba facer, etc.

A diferenza de Ferrol, un sitio pequeno, Madrid era grande, tiña unha dimensión para min enorme, comparado co que eu estaba afeito. Este ano volvín despois de máis de dez anos sen ir. Foi curioso, moitos sitios non os lembraba, outros eran completamente diferentes do que tiña na miña memoria e outros eran tal como os recordaba.

O que cambiou alí foi a miña percepción sobre a distancia e o espazo. Se ben as distancias son largas, ao estar familiarizado con elas -despois de ter vivido dous anos alí-, non se me fixeron siderais. Cando fun vivir alí si que me resultaban descoñecidas nun sentido absoluto, non estaba afeito a esa separación entre lugares, logo non era capaz de concibir unha unidade espacial respecto do total da cidade. Tamén era un sitio completamente novo para min, nunca estivera alí -nin sequera de viaxe-, tiña que coñecer e recoñecer (aprender máis ben, ía ser o meu lugar de vivencia a partir de entón, non sabía daquela por canto tempo) todos os lugares e as súas situacións, a súa relación respecto do resto de lugares que ía ir coñecendo e cos que iría convivindo. De feito, levou tempo, ao principio coñecía sitios por separado, collía un metro e aparecía nun sitio do plano urbano de Madrid e paseaba por alí. Tiña as pezas ou as partes dun rompecabezas, pero non tiña un sentido de conxunto, podía ir a calquera lado da vila e sabía como era, o que non sabía era conectar visualmente un barrio con outro e non foi ata a visita duns amigos do meu compañeiro de piso que descubrín, de repente, como era todo o conxunto urbano da cidade. A maior sorpresa foi ver que había sitios que estaban arrimados a outros, que xa estivera nos dous e que descoñecía completamente a súa proximidade. Foi entón cando fun consciente da unidade da cidade, pasei a percibir unha dimensión espacial estruturada maior cá que eu estaba familiarizado. Quizais non era tan grande como eu pensaba, en realidade si, pero o que é o centro da cidade non é tan grande, o conxunto total da urbe, si.

Nos primeiros días ou semanas de estar alí foi cando fun descubrindo todos eses anacos de cidade aos que tiña que ir para facer calquera xestión. Independentemente dos lugares que aparecían diante dos meus ollos, estaba o feito da novidade, eran espazos urbanos que non se parecían nada aos dunha cidade pequena de provincias.

O que realmente quedou na miña alma foi o goce de moverme libre e independente, coa liberdade de non ter que pedir axuda a nadie para solucionar calquera circunstancia que se me aparecera. O que para outro era un inconvinte, unha obriga ou deber, para min era a liberdade de escapar ao consello dos demais e poder decidir só comigo o que facer. A actuación era deber, pero sobre todo liberdade, por iso nunca entenderei a quen escolle a comodidade de deixar decidir ou facer -sobre todo decidir- nas eleccións que un ten que tomar -aínda que non sexa máis que decidir se vas comprar unha barra de pan o dúas, por se tes visita-. Hai quen fala do dereito a equivocarse, eu falo do pracer de decidir, e o maior pracer foi a tranquilidade de acabar por descubrir que nadie ía censurar a miña elección e sobre todo que case sempre escollía a mellor opción para min ou máis ben que había moitas posibilidades de escoller e que case todas eran boas, só hai que saber aceptar de grado a que ti mesmo escolliches.

Tiña unha axenda que me regalara o meu irmán un ano antes, acabou por ser o meu diario. Non apuntaba nada que quixera recordar, o que apuntaba era o que tiña que facer: un número de teléfono que necesitaba, un recado que tiña que facer ou un sitio ao que tiña que ir, sobre todo ao principio. Co tempo quedou gardada e deixei de necesitar o seu uso, así que quedou gardada na súa caixa. Deixeina sempre metida dentro dela, e alí segue, o que xa non sei é onde está exactamente, pero así manteño a mesma sensación que daquela, foi o meu diario porqué daquela a tiña sempre cerca e á vista -sen darlle uso-, é o que pasa cando vives practicamente co imprescindible, con vinte e poucos anos e vivindo nun piso de aluguer, sen mobles propios, tes catro cousas, a túa roupa e algún enser que outro (de feito tiña louza, roupa e algún libro, despois pouco a pouco fun adquirindo outras cousas desas que todos queremos ter cando somos novos, un equipo de música, discos, e ata unha tele, esa foi a miña última adquisición importante en Madrid), pero non estaba aínda facendo o meu ajuar.


Segue na súa caixa, pero sei que está na casa, agora non está tan á vista, pero tamén sei que en calquera momento a podo recuperar e evocar as sensacións que xa me proporcionaba cando levaba poucos meses en Madrid. Non era recordar nada concreto, era máis ben evocar sensacións e estados de ánimo, e o estado de ánimo dos primeiros días en Madrid era a ilusión, a ilusión de comezar por fin a miña vida real, dependendo de min mesmo e tomando as decisións que tiña gana de tomar, o que viña á miña cabeza era de repente unha luz determinada dun día soleado nunha rúa (mentres camiñaba para ir ver un piso que vira anunciado, mesmamente), un olor determinado (mesmo o das galerías do metro, tan característico e noxento para moita xente, pero a min agrádame, era unha desas características de Madrid que non había noutros sitios, para min era o cheiro do meu propio espazo), as persoas que vía pola rúa, especialmente no centro e en determinados barrios son bastante peculiares e estrambóticos.

Era unha memoria de sensacións, de instantes, de como me sentía nun momento determinado, quizais con todo aquel afán de independencia resultábame máis emotivo e bonito que outras lembranzas que teño, pero sempre teño as cousas presentes na memoria desta maneira, evocando e non quero facelo doutra maneira, sempre me produce un gran pracer.

Era abrir aquela axenda, mesmo para buscar un número de teléfono e descubrir todos os apuntamentos que tiña por alí feitos e a evocación viña de camiño, eran os meus instantes, andaban por alí anotados e recordar o que fixera un determinado día levábame a todas as sensacións que gozara aquel día e nin era buscado nin era consciente.

Non foi ata que vin vivir a Santiago que empecei abrir a axenda aposta para evocar aqueles primeiros momentos da miña independencia, pouco a pouco aqueles primeiros momentos ían quedando lonxe e tiña que poñer xa da miña parte para volver a eles. Pero aínda que fai anos que non collo esa axenda, podo dicir que aquela ilusión segue no meu corazón e na miña memoria, non tanto os instantes, pero si o pracer que me proporcionaron.

No hay comentarios:

Publicar un comentario